Alt

Terceira sesión de Lugopoética 2024 con María Xosé Lamas e Brenda Mondelo

O xoves 4 de abril celebrouse na sede da UNED en Lugo a terceira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2024, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia. Coa coordinación de Xulio Xiz, leron e comentaron os seus poemas as creadoras María Xosé Lamas e Brenda Mondelo. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

MARÍA XOSÉ LAMAS FERNÁNDEZ (Vilalba, 1961). Profesora, poeta e actriz, ten un importante labor no teatro afeccionado como autora, tradutora, adaptadora e directora, e tamén como pedagoga e divulgadora. En poesía acadou os premios do Concello de Vilalba e Arume de poesía para nenos, tendo publicados títulos como ‘Catro palabras caladas’, ‘Datando lembranzas’, ‘Con Fausto por este río acima’ ou ‘Sonetos preposicionais’.

BRENDA MONDELO (O Seixo, Pedrafita do Cebreiro, 1994). En ‘O espello de Celia’ (Premio Xoán Díaz), conversaba cunha das últimas habitantes da súa aldea, falecida no 2017. Gañou o (Re)inventando Xela Arias e o Lorenzo Baleirón con ‘Neve’, editado por Chan da Pólvora. Participou na obra colectiva ‘Última poesía crítica. Jóvenes poetas en tiempos de colapso’. Escribe sobre as persoas que viviron nun mundo que logra recuperar a través da poesía.

O encontro poético entre a veterana creadora e a poeta que xorde con forza coa súa obra, de arredor dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das dúas escritoras, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambas, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2024 vaise celebrar o próximo 25 de abril, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación das escritores Xosé Otero Canto e Antonio Calvo Varela.

Vídeo íntegro deste terceiro encontro