Alt

02 Lois Pérez / Daniel Irimia

14 de Marzo de 2024

O xoves 14 de marzo celebrouse na sede da UNED en Lugo a segunda das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2024, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia. Coa coordinación de Xulio Xiz, leron e comentaron os seus poemas os creadores Lois Pérez e Daniel Irimia. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

LOIS PÉREZ DÍAZ (Lugo, 1979). Mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista, como poeta publicou ‘LP’, ‘Long Play’ e ‘Lugo Philadelphia’, con fotografías de Alba Díaz. Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG. Ten obtido os premios de Teatro radiofónico da Radio Galega; Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia en 2018), Agustín Fernández Paz e os de literatura infantil Raíña Lupa e María Victoria Moreno.   

DANIEL IRIMIA YÁÑEZ (Momán - Cospeito, 1995). Estudou Bioloxía na USC, especializándose en xestión da biodiversidade na de Granada. Ten desenvolvido traballos de investigación no Departamento de Botánica do Campus de Lugo, destacando na creación literaria, especialmente na poesía. Premiado co Díaz Jácome para novos creadores e no de Cambre, ten publicado Cristal de bágoas, premio de poesía O Facho.

O encontro poético entre o veterano creador e o poeta que xorde con forza coa súa obra, de máis dunha hora de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos dous escritores, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambos, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2024 vaise celebrar o próximo 4 de abril, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación das escritores María Xosé Lamas e Brenda Mondelo.

VÍDEO

 

FOTOS