Alt

Comezou LUGOPOÉTICA 2024

O xoves 29 de febreiro celebrouse na sede da UNED en Lugo a primeira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2024, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia.

Coa coordinación de Xulio Xiz, leron e comentaron os seus poemas as creadoras Marica Campo e Eva Teixeiro. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED e Sagrario Sánchez, xefa territorial de Educación, Cultura e Universidades da Xunta de Galicia en Lugo.

MARICA CAMPO (Val do Mao - Incio, 1948), é autora do musical ‘A Casa’ e de obras teatrais como ‘Os premexentes non poden cos paxaros rebezos’ ou ‘Confusión de María Balteira’. Fuxan os Ventos e A Quenlla cantaron poemas seus. Premio da Cultura Galega, Premio das Letras de Galicia, “E” de escritora da AELG, e outros diversos galardóns, é autora, entre outros poemarios, de ‘Tras as portas do rostro’ ou ‘Pedinche luz prestada’.

EVA TEIXEIRO (Lugo, 1975). Profesora de Lingua e Literatura españolas no IES Díaz Castro de Guitiriz, forma parte do colectivo Comadres das Letras, co que publicou ‘Contármonos’. É responsable dos blogs de creación probaorellas.blogspot.com e entrenodiariocanti.blogspot.com. Premiada nos Certames A Pipa'97, MicrorrelatAs e Manuel Oreste Rodríguez López, é autora do poemario ‘mapa.gal’.

O encontro poético entre a veterana creadora e a poeta que xorde con forza coa súa obra, dunha hora de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das dúas escritoras, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambas, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos das próximas sesións- dunha publicación
que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2024 vaise celebrar o próximo 14 de marzo, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Lois Pérez e Daniel Irimia.

Vídeo íntegro deste primeiro encontro